martes, 17 de xaneiro de 2017

CONFERENCIA DE RIVEIRO COELLO



CONFERENCIA DE ANTÓN RIVEIRO COELLO NO IES 'RAFAEL DIESTE'









O escritor limiao deleitou aos alumnos de bacharelato percorrendo os principais carreiros da súa biografía e analizando polo miúdo a súa obra "As rulas de Bakunin", engaiolando a todos coas súas reflexións, cheas de amabilidade, tenrura e
moito humor.

O mércores, catorce de nadal de 2016, o IES Plurilingüe 'Rafael Dieste' da Coruña acolleu a visita do autor ourensán Antón Riveiro Coello, o cal impartiu unha charla sobre unha das súas obras máis sobranceiras: "As rulas de Bakunin". Convén subliñar que esta novela, galardoada co Premio Manuel García Barros do Concello da Estrada no ano 2000, figura dentro das obras seleccionadas polo Club de Lectura do centro, coordinado polo profesor Carlos Blanco Dávila, quen conseguiu a presenza do gran narrador galego, coa finalidade de estimular e agasallar ao alumnado interesado polos libros.

A conferencia artellouse sobre tres eixos fundamentais. Nun primeiro momento de carácter introdutorio, explicou o que representa para el 'ser escritor', desmitificando totalmente esa figura e igualándoa á de calquera outro profesional, puntualizando que 'os escritores son secretarios do invisible'.

A continuación centrouse en episodios esencias da súa vida, como a infancia e a adolescencia en Xinzo de Limia, o seu paso polos Salesianos -onde un mestre de Literatura agasallouno cun exemplar da "Odisea" de Homero e a súa lectura deixouno marcado-, os estudos de Dereito en Santiago e o logro dunha praza de funcionario que o obrigou a trasladarse a Madrid, onde se mergullou dabondo na Literatura Galega e agromou a súa angueira como escritor incipiente.

A parte final adicouna á súa novela "As rulas de Bakunin", explicando cal foi o seu xermolo e os azos reiterados que recibiu do historiador Carlos Pereira desde o nacemento da súa amizade, ao redor de 1997, despois de voltar de Madrid e establecerse na localidade de Culleredo. Mencionou que algúns dos seus personaxes secundarios foron sacados da realidade tras longas conversas con anciáns que viviron a etapa da 2ª República e a Guerra Civil Española. Neste punto indicou que esta obra, antes de ser bautizada definitivamente, tivo ao redor de setenta e dous títulos, entre eles "O pombal ruso", aínda que o título escollido representa fidedignamente a alma da obra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario